A Guarda organiza xornadas de asesoramento enerxético en setembro e outubro
• Trátase de sesións individualizadas nas que se pretende asesorar sobre diversos temas relacionados coa eficiencia enerxética de fogares e empresas da vila.
O Concello da Guarda, a través do Plan Rehabita, organiza xornadas de asesoramento enerxético, trátase dun asesoramento individualizado sobre temas relacionados coa eficiencia enerxética de fogares e empresas da vila e que se realizará os días 16 e 30 de setembro e 14 e 28 de outubro, en horario de 9:00h a 13:00h con cita previa chamando ao 986610000 ext.2. Dúas persoas se encargarán deste asesoramento individualizado, Belén Novoa é especialista na área de contratación e sistema de tarifas do mercado eléctrico e Santiago González é un experto no campo das enerxías renovables.
O Concello da Guarda pretende deste xeito mellorar a eficiencia enerxética dos fogares e empresas da vila cun asesoramento individualizado que permitirá aso veciños e veciñas coñecer cales son as solucións existentes no mercado enerxético, a presentación e asesoramento en materia de enerxías renovables, as solucións de calefacción, illamentos, peches, fiestras ou caldeiras de biomasa, entre outras.
O obxectivo final é permitir que os veciños e veciñas poidan reducir os seus custes na factura de electricidade, coñecendo as vantaxes da eficiencia enerxética, aproveitando para mellorar o impacto sobre o medio ambiente, empregar novas fontes de enerxía coma as renovables e un aproveitamento óptimo de aparellos eléctricos do fogar para unha correcta eficiencia enerxética.