A Guarda participa este xoves na presentación de #MiPlayaSinPlásticos 2020
O Concello da Guarda participa mañá xoves na presentación do proxecto #MiPlayaSinPlásticos 2020, nun formato webinar virtual no que estarán presentes, Jesús Calleja (embaixador e presentador), Javier Solans (director xeral de P&G En España e Portugal), Rami Baitiéh (CEO de Carrefour en España), Gonzalo Anguita (FSC), María Cabrera (Paisaje Limpio) e coma representante da Guarda, Sara Novegil Molina, técnica de medioambiente municipal.
A Guarda foi preseleccionada este ano polas súas praias, que no caso de “O Muíño” e “Area Grande” lucen dende fai anos o distintivo internacional de bandeira azul como recoñecemento á calidade medio ambiental e aos servizos que ofertan.
Estas praias contan cos servizos esixidos por Bandeira Azul como paneis informativos, análise de augas, servizo de limpeza e de recollida de residuos, duchas e aseos, e o servizo de salvamento e socorrismo que atende aos dous areais e que comeza co arranque estival.
O obxectivo de #MiPlayaSinPlásticos, que en 2019 rexistrou máis de 300.000 votos, é promover e aumentar a concienciación medioambiental en torno ao abandono incontrolado de residuos nas nosas praias e paraxes costeiros. E neste ano 2020, aínda con maior motivo, por estes tempos derivados da emerxencia sanitaria provocada polo COVID-19, onde somos testemuñas do efecto que o ser humano ten no estado do entorno natural. Por elo, pensando no regreso, debemos seguir traballando para conservar o acadado e seguir contribuíndo a acadar un mundo cada vez máis responsable.