A Guarda proxecta ‘Queimar o monte’ para concienciar sobre os incendios forestais
O próximo xoves 20 de marzo proxectarase no Centro Cultural da Guarda o documental “Queimar o monte”.
Esta produción de Emilio Fonseca con Walkie Talkie Films trata as causas dos incendios en Galicia, o principal problema medioambiental na nosa terra.
A proxección do documental comezará ás 20:00h e achegaranos ao fogo a través de entrevistas a académicos, axentes forestais, agricultores e gandeiros, inspectores, protectores do medio ambiente e veciños do medio rural.
Ademais de centrarse nas causas dos incendios forestais, trátase dun retrato do monte galego. Presenta unha colección de personaxes que contan as súas situacións particulares, reais e imaxinarias, e os seus problemas, causas e solucións.