A Guarda recibe a Álex Sierpes tras os seus logros neste comezo do 2025
O Concello da Guarda organiza a recepción oficial de Álex Sierpes para este venres 7 de marzo.
O xove atleta está a brillar neste comezo do 2025. A pasada semana conseguía converterse en Campión de España sub-18 nos 3000m. Deixaba atrás un mes de febreiro no que sorprendeu baixando o récord galego sub-18, en dúas ocasións, dos 3000m ata os 8’13”89 e dos 1500m en 3’52”42.
Con 15 días de diferenza, proclamouse subcampión de España de cross sub-18 e repetiu metal co Vicky Foods Athletics no Campionato Europeo de cross por clubes, na categoría sub-20, con só 16 anos.
Por todos estes logros, nos que sempre leva A Guarda como bandeira, a Casa dos Alonso abrirase este venres 7 de marzo ás 20:30h para recibilo e darlle o noso recoñecemento e apoio.