A Guarda renovará os vestiarios do Estadio Municipal da Sangriña
O Concello da Guarda acometerá proximamente a renovación e adecuación dos vestiarios das instalacións deportivas do Estadio Municipal da Sangriña, unhas obras que se realizarán ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
O proxecto, redactado polos técnicos municipais, permitirá a renovación das duchas cun novo sistema anti-vandálico, realizando unha nova instalación vista en aceiro inox e instalación de grifos mezcladores con temporizador para economizar auga. Realizarase tamén a renovación do alicatado existente con reposición de azulexos danados e novo pavimento cerámico nos almacéns.
Renovaranse as fiestras e portas dos vestiarios instalando unhas novas en aluminio, así como a instalación de dous extractores de aire con sistema higroscópico para a mellora da ventilación.
De igual xeito o proxecto contempla a renovación da totalidade da pintura das instalacións coa retirada da pintura existente.
O investimento total destas obras de mellora, pendente da autorización da Deputación de Pontevedra, ascende a case 22.000€ IVE incluído.
Tag:A Guarda, Deporte, instalacións, Renovación, sangriña, vestiarios