A XXXIII Festa da Langosta da Guarda esténdese e amplía o seu horario
Xa temos datas para a XXXIII Festa ga Langosta e da Cociña Mariñeira da Guarda. Como sempre, celebrarase na primeira fin de semana de xullo, os días 4, 5 e 6 de xullo, mais trae unha novidade: a festa adiántase ao venres ás 12:00h da mañá.
Nesta edición, o Concello da Guarda aposta por ampliar a festa tras os excelentes datos de asistencia o ano pasado, cando se venderon máis de 700kg de langosta (270kg só o sábado ao mediodía). Deste xeito, ademais do horario, tamén se amplía a capacidade da carpa ata os 600 comensais para que veciños e visitantes, poidan gozar comodamente desta festa.
Polo tanto, unha carpa de 1.200 metros cadrados estará aberta durante os tres días da fin de semana no porto da Guarda para desfrutar dunha comida excepcional. Entre os máis de 20 produtos e pratos mariñeiros, a langosta segue ser a protagonista e os restaurantes ofrecen a langosta cocida e á prancha. Dende a primeira edición a sobremesa estrela que acompaña a langosta é o roscón de xema, sobremesa típica guardesa desde hai máis de 70 anos.
A Festa da Langosta traspasa o eido gastronómico e terá unha proposta musical e lúdica para achegarse a todos os públicos. Ao longo deste mes de xuño daranse a coñecer outras novidades, como a programación completa e tamén o nome da persoa encargada do pregón este ano.
“Estamos moi contentos de que a Festa da Langosta e da cociña mariñeira siga crecendo, este ano xa incluíndo tamén o mediodía do venres”, manifestaba o alcalde, Roberto Carrero, “A Guarda xa é esa fin de semana o referente de festa gastronómica en Galicia”.