Abertas as inscricións para a 15K do Atlántico ata o 3 de outubro
A proba deportiva «15k do Atlántico» chega este ano a súa sexta edición o vindeiro domingo día 7 de outubro cun percorrido pola costa sur de Pontevedra, que terá inicio no Concello de Oia, pasará pola costa do Concello do Rosal para rematar no Porto da Guarda.
A 15k do Atlántico é unha das probas referentes do “running” galego, na que, na edición do 2017 superáronse os 800 atletas e que para este ano 2018, espérase chegar a preto dos 1000 atletas.
O percorrido e as fermosas vistas das paisaxes da costa atlántica son uns dos principais atractivos, converténdose nun evento deportivo e tamén turístico, atravesando partes do Camiño Portugués da Costa.
A proba partirá o domingo 7 de outubro ás 11:00h dende o Campo de Fútbol de Oia, combinando ao longo do seu percorrido treitos de asfalto e de terra ata chegar finalmente ó Porto da Guarda.
Paralelamente á carreira 15k e dentro da filosofía “Deporte Saudable” organízase tamén unha andaina popular de 12km dende Oia ata A Guarda, na que un guía mostrará aqueles lugares máis emblemáticos da zona, para aqueles que desexen facer este fermoso percorrido pero a un ritmo máis suave.
As inscricións aínda están abertas ata o vindeiro mércores día 3 de outubro a través da plataforma online www.championchipnorte.com , cun prezo de 4€ para a andaina e de 12€ para a 15k do Atlántico ata o próximo 30 de setembro e que pasará a ser de 4€ e de 14€ a partir do 1 de outubro.
Tag:15 do atlántico, A Guarda, Andaina, Carreira, Deporte