Aberto o prazo de inscrición para a I Actividade e Mantemento para Maiores na Guarda
A Concellería de Deportes do Concello da Guarda organiza, para este vindeiro mes de outubro, a “I Actividade e Mantemento para Maiores”. Esta iniciativa, que será de balde, ten como principal obxectivo potenciar a actividade física como medio de mantemento da saúde e do benestar xeral do corpo.
A Concellería de Deportes do Concello da Guarda organiza, para este vindeiro mes de outubro, a “I Actividade e Mantemento para Maiores”. Esta iniciativa, que será de balde, ten como principal obxectivo potenciar a actividade física como medio de mantemento da saúde e do benestar xeral do corpo.
A actividade desenvolverase durante catro semanas en outubro, con dúas sesións por semana, facendo así un total de 8 sesións de 60 minutos cada unha. Estas terán lugar os martes e xoves de 10 a 11 horas da mañá.
Entre as actividades que se van realizar durante estas sesións haberá: principios de Pilates, exercicios de forza e resistencia, test de saúde, traballo aeróbico, exercicios biosaudables e outras actividades. A primeira delas, o día 4 de outubro, celebrarase no Centro Cultural da Guarda e o resto dos días utilizaranse outros espazos do concello en función da actividade a realizar. Ademais, os espazos poden ser modificados por motivos climatolóxicos ou dispoñibilidade das instalacións, o que será avisado con antelación.
O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro 30 de setembro e os que desexen anotarse deben achegarse ó Concello da Guarda. A actividade terá un máximo de 20 participantes tendo en conta a orde de inscricións e despois a idade, contando como preferentes os maiores de 65 anos.
Á hora de inscribirse os participantes terán que cubrir e achegar a folla de inscrición e a autorización médica ou responsabilidade propia conforme o participante está nunha disposición física e mental adecuada para realizar estas actividades.
Para máis información poden consultar chamando ó teléfono 986610000, a través do e-mail deporte@aguarda.es, na web aguarda.es (onde se pode descargar tamén a folla de inscrición) ou no blog deporteaguarda.blogspot.com.es.