Aberto o prazo para solicitar as estadías no programa Benestar en Balnearios
Xa está aberta a nova convocatoria do programa Benestar en Balnearios, que ofrece estadías en 15 establecementos da nosa comunidade para maiores de 60 anos. As persoas interesadas poden presentar as súas solicitudes desde o día 18 de xuño e durante un mes de prazo.
Na edición deste ano auméntanse as prazas dispoñibles ata superar as 1.230 e tamén se aumentan as quendas aos meses de verán, de maneira que aquelas persoas que así o desexen poidan gozar deste programa desde o mes de xullo a decembro. O programa oferta estadías de 10 días en réxime de pensión completa.
As solicitudes deberán presentarse preferentemente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. De maneira opcional, poderanse presentar por rexistro.