Artistas e hostaleiros amosan as súas creacións na presentación da ruta «Petiscos con arte»
Esta mañá, o salón de exposicións do Centro Cultural acolleu a presentación da ruta «Petiscos con arte», unha iniciativa na que se mesturan a arte e a gastronomía guardesa en pequeno formato. No acto, representantes dos establecemento e artistas participantes amosaron unha mostra das obras artísticas e degustacións das que se poderá gozar dende mañá, 17 de novembro, e durante os próximos días 18, 19, 24, 25 e 26 de novembro.
Presentación da nova ruta
A concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes, foi a encargada de dar comezo á presentación do novo percorrido gastronómico agradecendo a implicacións das 15 cafeterías e restaurantes nesta iniciativa, que permitirá ás veciñas, veciños e visitantes gozar da nosa gastronomía en forma de petiscos a un prezo de 1,5€ a unidade.
A concelleira presentou o vídeo promocional desta ruta, no que se pode contemplar unha parte das exposicións de fotografía, pintura e escultura que se poderán contemplar durante esta última quincena de novembro nos locais participantes.
Pola súa parte, o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, aproveitou o acto para agradecer a participación e o compromiso dos artistas e hotaleiros participantes. “Hai unha característica común ás sociedades que menos rápido se desenvolven e outra común ás que o fan máis rápido. Nas primeiras, cando alguén emprende un proxecto e despunta, é obxecto de críticas. No segundo caso, son obxecto de ánimo e aplauso”, expuxo o rexedor local. Nesta liña, asegurou Lomba, “tedes o noso aplauso pola vosa actitude emprendedora e proactiva”.
O alcalde quixo dar os parabéns, tamén, ao departamento de Turismo polo seu traballo e esforzo organizativo, así como ao departamento de Comunicación pola dedicación na súa difusión. “Sabedes que sempre nos ides a ter ao voso lado para traballar xuntos; para crecer xuntos” concluíu Lomba.
Características da ruta
As persoas interesadas en realizar o percorrido gastronómico e artístico dispoñen xa dun folleto informativo no que se recollen todos os establecementos participantes, cunha fotografía e descripción do petisco ofertado e unha breve referencia ao artista e ás obras que se poderán contemplar en cada local.
O percorrido gastronómico celebrarase os venres, sábados e domingos desta segunda quincena de novembro comezando este venres, 17 de novembro, e ata o próximo domingo, 26 de novembro. Os petiscos poderán degustarse de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas.
Cada participante na ruta en calidade de comensal recibirá unha papeleta coa que poderá participar no sorteo de 5 lotes de viño albariño da Adega Gran Novás, colaboradora nesta iniciativa gastronómica. Para participar no sorteo, que se celebrará o próximo 29 de novembro, soamente será necesario degustar un petisco e, posteriormente, cubrir e depositar o boleto debidamente cumprimentado nos buzóns dispoñibles en cada un dos locais participantes.
Asistentes ao acto de presentaciónn
Ao acto asistiron os artistas Carlos Pascual, Charo Trigo, Elena Cividanes, Teresa Dorado, Naa Martinez, Anxo Ferreira e Mercedes Doval, cada un deles acompañado dunha das obras que se poderán contemplar nos locais. Por parte dos establecementos participantes, asistiron representantes do bar Cramoeiro, a cafetaría Novo Bar, e os restaurantes O Cangrexal, Xantar e Xeito, cada un deles cunha mostra do seu petisco.
Deste xeito, apoiaron coa súa presenza o comezo desta nova iniciativa gastronómica e artística, coa que se busca dar unha maior visibilidade ao traballo que realizan os hostaleiros guardeses na promoción da gastronomía, e aos artistas locais e da nosa contorna, amosando o talento e o arte na nosa vila.