As teatralizacións no Trega amplían as súas datas nas primeiras semanas de setembro
Tralo éxito das representacións “A Viaxe de Exeria ao Castro” e tendo en conta que dúas datas deberon ser suspendidas no mes de xullo por mor dos protocolos COVID-19, as funcións teatrais que se repetiron cada mércores do verán prorrogarán a súa programación por dúas semanas mais, adaptando, iso si, os horarios ás xornadas mais curtas que estamos a ter xa no mes de setembro. Deste xeito as novas representacións quedan para o mércores 1 e 8 de setembro, en dous pases diferenciados, o primeiro ás 18:00h. e o segundo ás 19:30h. Ao igual que nas sesións de verán o aforo é limitado e con reserva previa no mail: centrocultural@aguarda.es (indicando o nome e apelidos dos asistentes e un número de teléfono), o punto de encontro é a explanada da Casa Forestal do Monte Santa Trega.
A viaxe de Exeria ao Castro é unha actividade que traslada aos asistentes á época na cal o poboado castrexo de Santa Trega estaba habitado, cunha representación teatral na cal a nobre e valente Exeria, tras anos viaxando, volve á súa terra, Gallaecia, chea de proxectos, entre os que está a conversión do Castro, supostamente abandonado, nunha vila organizada de acordo aos novos tempos. Mais o Castro garda moitas sorpresas e tesouros que custodia Grovio, o seu último e inesperado habitante.
A presente representación está inspirada na personaxe histórica de Exeria, muller peregrina no S.IV. En torno ao ano 380 esta muller procedente dunha familia nobre do Noroeste peninsular -Gallaecia- emprendeu viaxe ata Xerusalén e a súa peregrinación quedou constatada nas cartas que enviaba a amigas e familiares. Na Idade Media estes escritos foron compilados por un monxe da Abadía de MonteCasino no Itinerarium de Egeria.
Este Itinerarium inclúe detalladas descricións da viaxe ata Oriente: Constantinopla, Siria, os
Lugares santos… Entre outros lugares Éxeria visitou o martyria a Santa Tecla en Seleúcida, sendo está unha das primeiras referencias que vincularían ó culto a Santa Tecla -moi arraigado en Asia Menor e na parte oriental do Imperio Romano- coa Península Ibérica.
Esta actividade conta coa subvención do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra
Tag:A Guarda, teatralizacions, Teatro, trega, turismo, Visitas guiadas