Convocatoria de axudas públicas á conciliación da vida familiar e laboral
As persoas interesadas poderán enviar as súas solicitudes ata o 2 de xullo.
A Xunta de Galicia vén de convocar as axudas á conciliación da vida familiar e laboral para traballadores e familias monoparentais que, entre o 1 de xuño de 2017 e o 30 de xuño de 2018, teñan unha situación de redución da súa xornada de traballo para o coidado dos seus fillos e fillas.
Poderán beneficiarse destas axudas os homes que se acollan á redución de xornada e sexan traballadores por conta allea ou os socios das sociedades cooperativas -sempre que estes últimos pertenzan ao réxime xeral da Seguridade Social- e as familias monoparentais nas cales a persoa solicitante, home ou muller, sexa traballadora por conta allea e se acollan á redución de xornada.
Os solicitantes deberán reunir o seguintes requisitos:
- Estar empadroadas/os nun concello galego, como mínimo, desde o 1 de xaneiro de 2017.
- Convivir coa filla/o durante o período subvencionado.
- No caso das familias non monoparentais, o cónxuxe ou parella deberá ser unha persoa traballadora por conta allea ou ben autónoma e manter esa situación durante todo o período subvencionado.
- Ter uns ingresos non superiores a 5,5 veces o IPREM para o ano 2017.
- Non serán beneficiarios os proxenitores privados da patria potestade, ou se a tutela ou garda foi asumida por unha institución pública.
O prazo para a solicitude das axudas remata o vindeiro 2 de xullo. As persoas intereasadas poderán acceder ás bases da convocatoria nesta ligazón, onde se especifican as cuantías das axudas, a documentación necesaria para a súa solicitude e o procedemento para a presentación das mesmas. Para máis información e tramitación de solicitudes, poderán achegarse ao Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Guarda (na Praza do Reló, nº1 – ao lado do Xulgado de Paz) ou contactar no teléfono 986 614 648.