A Biblioteca Municipal amplía o prazo de participación na iniciativa «Biblioteca Solidaria»
A Biblioteca Pública Municipal da Guarda celebrou o Día da Biblioteca, que se conmemora cada 24 de outubro, promovendo diversas actividades dirixidas ao público en xeral. Entre elas destaca a «Biblioteca Solidaria», unha iniciativa na que que aquelas persoas que se achegaron ao espazo de ocio e lectura municipal puideron escoller un libro descatalogado a cambio de aportar unha unidade de alimentos non perecedoiros (arroz, pasta ou legumes, entre outros).
Dado o éxito da iniciativa, e tendo en conta a proximidade do Nadal, a Biblioteca Municipal amplía o prazo de participación na actividade ata o vindeiro 18 de decembro e aceptará produtos típicos destas datas (tales como turróns e outros doces, embutidos ou froitos secos) malia que sexan perecedoiros. Os alimentos recollidos serán repartidos entre aa asociacións da Guarda que teñan unha función de axuda social ou ben a aquela que máis os precise, en función da cantidade recollida.
Co fomento da colaboración solidaria a través desta actividade preténdese mellorar a calidade de vida das persoas ou grupos, especialmente aqueles que sofren algún tipo de carencia, marxinación ou desatención. Esta é, así, unha boa maneira de fomentar a lectura e a solidariedade cos sectores máis desfavorecidos da sociedade dende a Biblioteca Pública, cuxa función principal pasa por achegar á cultura a toda a poboación á que serve, ofrecendo un espazo de convivencia e de oportunidades culturais, educativas e de inserción social.