O Concello da Guarda insta á Xunta a arranxar a deteriorada marquesiña da Gándara
A Concellaría de Tráfico do Concello da Guarda insta á Dirección Xeral de Mobilidade a arranxar a marquesiña situada na estrada PO 552 á altura do no barrio da Gándara, pois esta carece de tellado e os asentos presentan puntas que poden resultar perigosas para as usuarias e usuarios.
Postos en contacto co órgano dependente da Xunta de Galicia e pasados xa 8 meses -segundo refire o concelleiro Paulino Rodríguez-, «estes non só non arranxaron a marquesiña da que son competentes, senón que non contestaron ao escrito» no que se urxía a reparación da cuberta.
Coñecedores de que son numerosos os veciños e veciñas que a usan e deben soportar as inclemencias do tempo, o Concello comparte a indignación da veciñanza e o lema da pancarta que estes días apareceu na devandita parada de autobús. Así as cousas, o Goberno municipal insta novamente á Xunta de Galicia a que repoña ou repare a marquesiña no barrio da Gándara coa maior brevidade posible.