Este venres segunda cita na Guarda de Música nas Prazas 2018 con «Bieito Solo»
Este venres día 24 de agosto de 2018, a Praza de San Amaro de Camposancos acolle a segunda cita de Música nas Prazas 2018 coa actuación de «Bieito Solo» ás 22:00h.
Despois da primeira sesión celebrada no mes de xuño na Praza de Salcidos a cargo do grupo Liquen, agora é a quenda de «Bieito Solo», que acompañado da súa guitarra demostrará aos asistentes o seu bo facer e amplo dominio deste instrumento con versións de coñecidas cancións así coma interpretacións propias, pasando por unha ampla gama de estilos musicais.
O concerto comezará ás 22:00h da noite, entrada de balde.
A programación de Música nas Prazas 2018 finaliza no mes de setembro coa actuación de Pepe Vaamonde Trío o día 7 de setembro ás 22:00h na Praza do Reló.
Música nas Prazas chega neste ano 2018 á súa terceira edición, fomentando a música en diferentes espazos públicos do municipio, tentando dar visibilidade e dinamismo a todos eles por igual, levando a cultura musical a todas as parroquias da vila.
Ao longo deste tres anos foron moitas as formacións musicais do panorama local e galego que teñen pasado polas prazas da vila guardesa, entre elas, De Vacas, Sonus de Gaya, Indomables Coverband, Argonat Band, Mbolo Mooye Doolé, Carmen Johns, entre outros.