Fin de semana repleta de actividades na vila da Guarda
Esta fin de semana son moitas e moi variadas as actividades que están programadas para os veciños e veciñas da Guarda.
Así, dende hoxe venres día 18 e ata o domingo 20, diferentes establecementos da localidade ofertarán dentro da iniciativa “Espada en Tapas”, organizada por ORPAGU, o Concello da Guarda e os locais adheridos, unha tapa de peixe espada gratuíta coas súas consumicións. Esta ruta gastronómica estará acompañada dunha ruta musical.
Os establecementos que forman parte desta ruta son: Aparthotel Marouco, Brisamar, Carla, Jamonería Anabel, Pizzicata, Os Remos, O Cangrexal, Marusía, Gaviota, Trasmallo e Xeito.
Ademais, nas rúas onde están estes locais haberá música en directo. Os grupos “Deixandar” e “Lirolai” pasearán a carón dos restaurantes adheridos para amenizar ós consumidores.
Entre os participantes nesta ruta, que continuará durante a fin de semana próximo (días 25, 26 e 27), ORPAGU sortea un lote de produtos de peixe espada.
Música, charlas e mercadillo
Hoxe venres, as Xuventudes Socialistas da Guarda, presenten o “Ciclo LGTBI: Queda moito por facer”. Esta primeira charla, que comezará ás 20 horas no Centro Cultural, contará con tres ponentes: Estela Fernández, experta en igualdade, Xabier Constela, membro do colectivo de pais e nais de menores transexuais e Fito Ferreiro, coordinador federal do Colectivo 7 Cores.
O acto está aberto a todos os públicos e o tema a tratar é “Como observamos a transexualidade nos menores?”.
O sábado, no barrio da Gándara, a Organización de Grupo de Gaitas A Boalleira, organiza un “Serán”. A cita é ás 21 horas na Praza dos Seixiños.
Por último, a fin de semana remata cun mercadillo solidario organizado por “ConRazones”. Durante toda a xornada do domingo, tanto pola mañá como pola tarde, a Alameda da Guarda acollerá decenas de postos solidarios.