Medio centenar de persoas asisten á charla do arqueólogo Rafael Rodríguez dentro do ciclo de Barferencias de Inverno
Máis de medio centenar de persoas asistiron onte, xoves 3 de decembro, á charla do arqueólogo Rafael Rodríguez, “Reescavando Mergelina”, dentro do ciclo de Barferencias de Inverno, organizadas polo Concello da Guarda e ANABAM.
O Concelleiro de Patrimonio, Xabier Crespo, foi o encargado de presentar ó ponente aos presentes e falar da súa traxectoria profesional onde destacan varias e importantes escavacións.
Rafael Rodríguez comezou a súa charla facendo un símil entre a súa vida e a de Mergelina, así ambos traballaron nesta zona aos 39 anos e coordinados pola Deputación de Pontevedra.
O arqueólogo, que coordina estas escavacións promovidas pola Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento, en colaboración co Padroado Municipal do Monte Trega e o Concello da Guarda, estivo acompañado nesta conferencia de máis arqueólogos do equipo de traballo.
Rafael Rodríguez explicoulles aos presentes o estado actual das escavacións na zona coñecida como Poboado de Mergelina -comezaron en agosto- na cal hai unhas 45 estruturas e ocupa unha superficie aproximada de 2.300 metros cadrados.
O arqueólogo falou de que xa se atoparon máis de 40.000 fragmentos cerámicos e que estes, engadidos ás ánforas atopadas, a algunhas moedas e por suposto o xa coñecido coma “Cabezón do Trega”, colocan a esta citania do Trega “na primeira división da arqueoloxía española”.
O interese suscitado entre o público fixo que a barferencia se alongase máis de dúas horas. Os asistentes preguntáronlle ó arqueólogo diferentes detalles puntuais coma se se atoparan restos óseos ou como era a vida económica nesta comunidade.
Ó final da charla o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, fixo entrega tanto a Rafael Rodríguez coma o propietario da cervexería ITACA, onde se levou a cabo a reunión, dun agasallo.