O alcalde da Guarda solicita ao programa “El Hormiguero” que rectifique a súa descrición das Festas do Monte Santa Trega
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, ven de remitir unha carta á dirección do programa “El Hormiguero” de Antena 3 despois do malestar e disconformidade postos de manifesto na emisión do pasado martes día 12 de maio de 2020, onde o colaborador habitual do programa “Marron”, fixo unas declaracións sobre as Festas do Monte Santa Trega que en nada exemplifican a esencia das festas, identificando erroneamente as arraigadas tradicións das mesmas.
Dende o consistorio se entende e defende a liberdade de expresión, pero non é certo que a explicación de Marron en antena represente á festa máis importante da vila da Guarda e da comarca, unha festa centenaria que está declarada como Festa de Interese Turístico de Galicia, e non precisamente polo que “Marron” destacou coma tradicións.
Tal e como manifestou o edil, as Festas do Monte Santa Trega son unha romaría popular que se celebra dende fai 108 anos, dende que “La Sociedad Pro-Monte Santa Tecla” organizara a primeira merenda na cima do Monte Santa Trega e, aínda que nas súas primeiras edicións tiñan só un carácter familiar e relixioso, pronto gañaron unha gran popularidade na comarca do Baixo Miño e resto de Galicia, inclusive nestes intres, a nivel Nacional.
Antonio Lomba quixo destacar na misiva que, o carácter desta Festa, ao son da percusión das 20 Bandas Mariñeiras, das cales a mais veterana ten xa 53 anos, é familiar e fraternal. Na cima do Monte Santa Trega (Declarado Monumento Histórico Artístico Nacional e Ben de Interese Cultural no ano 1931), veciños, familiares e coñecidos, reivindican o seu pasado castrexo e orgullo guardés de nacemento ou adopción. Así, estas festas son compartidas por todos os asistentes, dende os nonatos (que senten o sons e a percusión nas barrigas das súas nais) ata os centenarios. “É a festa de tod@s”, indicou Lomba.
Tal e como todo o pobo da Guarda coñece, a celebración comeza á primeira hora da mañá coa Subida ao Monte, cada un coa súa banda ou o seu grupo de amigos e familiares, coa alegría de todos os romeiros, tocando bombos, caixas e gaitas o “toque” representativo de cada banda ao son da música tradicional. Celebrase despois un “xantar popular” onde as familias guardesas comparten marisco, empanada, rosca de xema e demais viandas típicas da nosa gastronomía. Durante a tarde, os romeiros tocan e danzan incansablemente e se procede á “Xura” coa que se promete e pide volver o ano seguinte e onde se ten un recordo para os que xa non están. É certo que dita xura realízase con garrafóns de viño tinto, pero se fai de maneira organizada e controlada por cada banda e convidando aos foráneos a participar tamén nela.
Xa á tardiña os romeiros baixan de novo cara á vila, despois de pasar un día que é a nosa sinal de identidade e á que se aferran cada ano todos os guardeses para poder volver a repetir ao seguinte ano. Moitos Baixomiñotos que están fora, regresan á localidade para celebrala.
O alcalde da Guarda insistiu en que non se pode permitir que se fale das Festas do Monte Santa Trega coas palabras que falou “Marron” e por iso solicitase dende o consistorio local que se faga unha corrección de carácter público, xa que, coa súa descrición, poido crearse unha imaxe que non é a que corresponde ao carácter destas Festas, e que está a causar un malestar enorme na comunidade guardesa.
As Festas do Monte Santa Trega son un símbolo da tradición e do Patrimonio Inmaterial das xentes da Comarca do Baixo Miño, e tamén un sentimento de fraternidade profundo que se leva por dentro, esa é a verdadeira simboloxía das Festas do Monte e así quere o pobo da Guarda que continúe a ser.