O Ciclo “Sostendo o Futuro” remata este sábado coa representación de “Plancton” na Praia do Muíño
• Terá lugar o sábado día 19 de xuño ás 18:00h e require unha inscrición previa en centrocultural@aguarda.es
• En caso de choiva o evento trasládase ao Centro Cultural
O Concello da Guarda pecha este sábado o ciclo “Sostendo o Futuro”, actividades coa finalidade de tomar conciencia en torno aos valores de sostebilidade e coidado da nosa contorna. Para este fin escolléronse actividades de diferente natureza que nos axuden a preguntarnos, dende diferentes posicións, sobre o noso día a día e a consecuencia de accións cotiás e insignificantes aparentemente.
Xa para pechar este ciclo e ás portas do verán, chega unha proposta infantil coa compañía “Títeres Entucasa” sobre a contaminación das nosos océanos, concretamente de como o incremento dos plásticos afecta ao plancton e aos cambios no hábitat das especies mariñas.
Unha divertida aventura onde os máis pequenos descubrirán que é o plancton e como axudar a salvalo, unha obra con afán divulgativo e mensaxe ecoloxista na que rir, asustarse e cantar coa canción de Planky e Tonky.
A representación de “Plancton” será o sábado 19 de xuño na Praia do Muíño, ás 18:00h. Inscrición previa en centrocultural@aguarda.es e en caso de choiva o evento terá lugar no Centro Cultural.