O Concello da Guarda atenderá a partires deste xoves nas novas instalacións da Casa dos Alonsos
A partires deste xoves día 9 de agosto, a atención ao cidadán do Concello da Guarda trasladarase ás novas instalacións sitas na Casa dos Alonsos na Praza do Reló da Guarda.
Deste xeito todas aquelas persoas que precisen acudir a facer algunha xestión nas dependencias municipais, a partires deste xoves terán que facelas na Casa dos Alonsos, calquera dúbida será atendida no mostrador da pranta baixa ou no rexistro, que estará ubicado no primeiro andar.
A Casa dos Alonsos pasa a ser deste xeito a nova ubicación da Casa Consistorial, un espazo máis amplo e moderno, que ven de adecuarse grazas a unha achega a cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para a dotación do mobiliario preciso para facer este cambio de emprazamento, e ademais para dar un servizo de calidade aos cidadáns nun espazo máis confortable.
Está previsto que o inicio da mudanza dos diferentes departamentos municipais se inicie este mesmo xoves co traspaso do rexistro ao novo edificio e nos posteriores días o resto dos departamentos.
Dende o Concello da Guarda agradécese a comprensión da cidadanía nestes primeiros días de cambio de emprazamento, coñecedores de que é un proceso que vai levar algún tempo e que, de seguro, xurdirán incidencias na atención ou nas xestións ata que o persoal se habitúe a este novo espazo.