O Concello da Guarda entrega detectores de fume aos maiores de 65 anos
O Concello da Guarda a través da Concellería de Emerxencias pon a disposición dos maiores de 65 anos do municipio un detector de fume para a súa vivenda.
Segundo explicou o concelleiro de Emerxencias, Miguel Español, un total de 200 destes aparellos repartiranse preferiblemente entre os maiores de 65 anos que vivan sos, para evitar situacións de risco de incendio e detectar de xeito rápido os fumes no interior das vivendas. O reparto realizarase a través do Concello e en colaboración con colectivos que traballan na vila con persoas maiores.
Este aparello, que funciona con baterías de 9v, ten un mantemento mínimo, colócase de xeito moi sinxelo e ven acompañado dunha guía e consellos onde se explica de xeito moi fácil como hai que colocalos.
As persoas interesadas en obter este aparato de detección de fume deberán dirixirse as oficinas municipais de luns a venres en horario de 9.00h a 14.00h para facer a súa petición ou chamando ao 986 61 0000. Realizarase un listado entre todos os solicitantes para despois facerlles a entrega.
A entrega destes detectores é froito dun convenio coa Axencia Galega de Emerxencias, dentro do programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal e baixo os Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional “unha Maneira de facer Europa”.