
O Concello da Guarda fai un chamamento á veciñana para evitar o vertido de toallitas e outros residuos polo inodoro
O Concello da Guarda fai un chamamento á concienciación e á colaboración da veciñanza para realizar un uso responsable do sistema de saneamento e evitar o vertido de toallitas, papel hixiénico húmido e outros residuos polo inodoro, unha práctica que está a ocasionar importantes problemas no correcto funcionamento das instalacións.
Durante a tempada de verán, a limpeza dos filtros do sistema de saneamento realízase con normalidade unha vez por semana. Porén, nas últimas semanas estanse a detectar atrancos e acumulacións de residuos que están obrigando a incrementar estas actuacións, chegando a ser necesario realizar a limpeza dos filtros ata dúas veces en menos de sete días.
A presenza de toallitas e outros materiais no sistema provoca a formación de tapóns e dificulta o normal funcionamento das instalacións. Esta situación pode derivar en vertidos, avarías e danos nos diferentes compoñentes do sistema, ademais de xerar un importante custo económico asociado ás reparacións. De feito, recentemente foi necesario acometer a reparación dunha das bombas do sistema como consecuencia dos problemas derivados destes residuos.
O Concello lembra que as toallitas non deben tirarse polo inodoro, aínda que algúns produtos se comercialicen como “biodegradables” ou “aptos para o inodoro”. Estes materiais non se desfán coa mesma facilidade nin no mesmo tempo que o papel hixiénico convencional e poden acumularse ao longo do percorrido polo sistema, provocando atrancos e afectando o funcionamento das instalacións.
Do mesmo xeito, tampouco se recomenda tirar polo inodoro o denominado papel hixiénico húmido, xa que precisa máis tempo para desfacerse do que tarda en realizar o seu percorrido polo sistema de saneamento, podendo contribuír igualmente á formación de tapóns e acumulacións.
A problemática ten tamén unha importante dimensión ambiental. As toallitas e outros residuos que chegan ao sistema de saneamento poden provocar vertidos e supoñen un impacto sobre o medio ambiente, ademais de incrementar os recursos necesarios para o mantemento e funcionamento das instalacións.
Por este motivo, dende o Concello da Guarda solicitamos a colaboración e responsabilidade da veciñanza, lembrando que polo inodoro só debe botarse papel hixiénico. As toallitas, o papel hixiénico húmido, produtos de hixiene, algodóns, bastoncillos e outros residuos deben depositarse no colector correspondente e nunca no inodoro.
O Concello continuará realizando as tarefas de supervisión, limpeza e mantemento necesarias para garantir o correcto funcionamento do sistema, pero lembrando que a prevención e a colaboración cidadá son fundamentais para evitar que residuos que non deben chegar á rede de saneamento ocasionen problemas no seu funcionamento.


