O Concello da Guarda instala unha cadeira elevadora na piscina para mellorar a súa accesibilidade
O Concello da Guarda ven de instalar unha cadeira elevadora na piscina municipal para mellorar a súa accesibilidade.
Esta instalación, que supón un investimento de preto de 6.000 euros por parte do Concello, facilitará tanto o acceso como a saída da auga a todas aquelas persoas que teñan mobilidade reducida ou as persoas maiores con algunha limitación.
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba e o Concelleiro de Servizos, Paulino Rodríguez, xunto coa directora da piscina, Ana González, visitaron esta mañá as instalacións para coñecer, de primeira man o funcionamento desta cadeira e os diferentes servizos que ofrece.
Ana González afirmou que, dende que esta cadeira elevadora está instalada, son varias as persoas maiores que a utilizan, sobre todo, para saír da auga. Ademais, contou, a piscina municipal ten un usuario que usa cadeira de rodas polo que lle é moi útil.
“Penso que con esta ferramenta quizais podamos chegar a máis usuarios e ademais, moitos dos que xa temos non decidirán deixala cando comece a custarlle subir ou baixar polas escaleiras”, comentou González.
Coa instalación desta cadeira elevadora, afirmou o Concelleiro de Servizos, dáselle resposta a unha demanda dos usuarios da piscina municipal.
Aínda que a súa instalación non é obrigatoria, o grupo de goberno municipal é moi sensible ás demandas de adaptación dos edificios locais ás necesidades das persoas con mobilidade reducida, polo que valora moi positivamente esta instalación.