O concello da Guarda presenta a Axenda de Actividades para este verán
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a Concelleira de Cultura, Elena Baz e o Concelleiro de Deporte, Javier Crespo González, presentaron este venres ás 12h a Axenda de Actividades do Verán na Casa dos Alonsos.
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a Concelleira de Cultura, Elena Baz e o Concelleiro de Deporte, Javier Crespo González, presentaron este venres ás 12h a Axenda de Actividades do Verán na Casa dos Alonsos.
Esta axenda recolle a programación de actividades organizada polo Concello da Guarda, en colaboración con distintas asociacións locais, para a vila na época estival. En primeiro lugar a Concelleira de Cultura fixo un repaso polas principais festas que se celebrarán dende o mes de xuño ata o de setembro, e polas citas culturais máis salientables que amenizarán o verán guardés.
Entre a programación cultural atopamos unha gran diversidade de actividades, concertos e actuacións con todo tipo de música, dende o folk, pasando polo rock e polas diversas orquestras. Destaca “Noites no Castelo” que consistirá na proxección da película Crebinsky e no concerto da Banda Crebinsky no Castelo de Santa Cruz ás 21h o 9 de xullo. Dentro do programa “Cultura no Camiño” tamén se organiza o espectáculo para toda a familia “Peterpunk e o neno imperdible”, o día 25 de xullo ás 20h no Auditorio de San Benito e o concerto de “De Vacas” o 26 de agosto ás 22h na Praza do Reló.
Ademais a Casa dos Alonsos acollerá importantes exposicións como a “Exposición do Traxe Galego”, do 24 de xuño ao 10 de xullo e “Camiños da Imaxe”, mostra sobre Joaquín García Portela, “Costiña”, pioneiro da filmografía guardesa.
Despois, o alcalde da Guarda explicou cales serán as principais citas gastronómicas e, como non podía ser doutro xeito, salientou á Festa da Langosta como “a festa de referencia da Guarda”, a máis coñecida e recoñecida por toda Galicia. Tamén quixo anunciar a volta, 9 anos despois, da Festa do Peixe Espada que se recupera e celebrará a 13ª edición os días 30 e 31 de xullo.
Por último, o Concelleiro de Deporte deu a coñecer os eventos deportivos da vila, que na súa maioría coinciden coas datas das principais festas. Xa este mes de xuño se celebra o Campionato de Fútbol “Festas Virxe do Carme”. Para o vindeiro mes se organizan diferentes actividades como a 21ª Travesía a Nado, o dous de xullo; o Campamento Deportivo de Verán, do 4 ao 13 de xullo ou o Torneo de Volley Praia, o 16 e 17 de xuño, entre outras.
Presentouse deste xeito unha completa axenda sociocultural que a Guarda ofrece aos veciños, veciñas e a todos os turísticas que desexen coñecer á vila durante a época estival, con catro meses cheos de actividades e festas para todos os gustos que fan desta unha axenda referente para toda a comarca.