O persoal de socorrismo, o GES e o Pesca realizaron simulacros de rescate na praia do Muíño
O Grupo de Emerxencias Supranacionais (GES) da Guarda, o helicóptero de salvamento marítimo pertencente ao servizo de Gardacostas (Pesca) e o persoal de socorrismo da praia do Muíño realizaron durante a mañá de onte dúas manobras de rescate na praia guardesa.
Para a realización das actividades de salvamento, o GES e o helicóptero Pesca simularon o rescate dunha persoa con dificultades na auga e outra manobra de rescate dunha persoa en situación de perigo a bordo dunha embarcación.
O operativo contou con catro membros do helicóptero de salvamento marítimo, encargados de realizar o rescate das persoas e a súa evacuación ó Pesca, un membro do GES a bordo da embarcación e os dous socorristas, interpretando o rol das persoas rescatadas. Ámbalas dúas actividades leváronse a cabo sen complicacións, entre as 11.30 e as 12.30 da mañá.