O Programa para a Detección do Cancro de Mama dispón dun autobús para as usuarias
– A campaña de Detección Precoz diríxese a mulleres entre 5 e 74 anos
– Como novidade as mulleres reciben aviso por SMS e poderán modificar a súa cita na app
A partir de mañá dará comezo a campaña do Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama, dirixido a mulleres de entre 50 e 74 anos.
Durante un mes, as mulleres acudirán para a realización da mamografía na Unidade de Exploración no Hospital de Meixoeiro. Esta acción é un paso importante para a detección do cancro máis frecuente entre mulleres, xa que 1 de cada 13 mulleres desenvolven un cancro de mama antes dos 75 anos.
As usuarias están a ser notificadas a través dun SMS ao seu teléfono, aínda que aquelas que non teñan o seu teléfono na tarxeta sanitaria, reciben a notificación por correo postal. Como en anos anteriores, o programa facilita o transporte con dous horarios de autobús desde A Guarda ata o hospital.
As mulleres que reciban o SMS deberán pinchar na ligazón que aparece para ter acceso ás rutas e aos horarios de transporte gratuíto que facilita o Programa de Detección Precoz do Cancro de Mama. Ademais, as usuarias da app do Sergas Móbil poderán modificar a súa cita a través dese medio.
Os buses sairán da Guarda, da parada do Centro Cultural, e realizarán outra parada en Salcidos, na parada da igrexa de San Roque. O primeiro bus sairá ás 8:00h e pasará por Salcidos ás 8:10h, mentres que o segundo sairá ás 11:30h e pasará por Salcidos ás 11:40h.
Desde o Concello animamos ás mulleres a aproveitar este programa de detección precoz que permite detectar cancros nos estadios máis iniciais. Para máis información ou dúbidas, pódese chamar ao teléfono: 981 14 14 14.