O XII Festival de Baile Moderno Xamaraina, Noites no Castelo e a Festa do Avó protagonizarán unha fin de semana redonda na Guarda
Como todas as fins de semana deste verán, a Guarda prepárase unha vez máis para desfrutar de tres días cheos de actividades culturais, concertos e moita troula.
Como todas as fins de semana deste verán, a Guarda prepárase unha vez máis para desfrutar de tres días cheos de actividades culturais, concertos e moita troula.
A diversión comeza o venres, 8 de xuño, ás 20,30 horas no Auditorio San Benito co XII Festival de Baile Moderno Xamaraina.
Xa máis á noitiña, cara as 22,30 horas, a Asociación pola Recuperación do Traxe Galego clausurará a súa exposición anual que aínda se pode visitar na Casa dos Alonsos coa actuación do Coro Fuscalheiro.
Un dos pratos fortes da fin de semana resérvase para o sábado 9 e terá como escenario o fermoso Castelo de Santa Cruz. Alí celebrarase, por segundo ano, a iniciativa Noites no Castelo que o ano pasado tivo unha gran acollida coa proxección do filme ‘A Esmorga’. Os protagonistas deste ano son a Banda Crebinsky, un grupo de música xurdido dunha maneira orixinal, a partir do mundo imaxinario que retrata o filme “Crebinsky” e da música creada para a banda sonora do mesmo.
A velada coa Banda Crebinsky dará comezo ás 22 horas cunha charla-coloquio a cargo dos compoñentes da banda Sergio Zearreta e Enrique Otero (protagonista e director do filme). Despois da tertulia proxectarase ó aire libre o filme ”Crebinsky”. Ao remate, sobre as 00,00 horas, dará comezo o concerto dos Crebinsky para pechar unha noite redonda.
Xa para pechar a fin de semana, o domingo día 10 de xullo, a partir das 16,30 horas, a carpa do Porto da Guarda acollerá a Festa do Avó, organizada polo Club da Terceira Idade en colaboración co Concello da Guarda. A celebración estará amenizada por un baile co grupo SABOR. Ademais contará coa charla do parroco da Guarda, Don Jesús, a presentación da raíña e damas do Club da 3ª Idade, un monólogo a cargo de “Cándido Pazó”, un sorteo e rosca e sidra para tódolos asistentes.
Dende o concello da Guarda anímase a todos os veciños, veciñas e visitantes a achegarse e desfrutar dalgunha, ou de todas, das actividades para os diferentes públicos e gustos que amenizarán a que promete ser unha soleada fin de semana de xullo.