Oportunidade na Guarda para falar coas novas escritoras da provincia
O ciclo “Mulleres de palabra(s)” da Deputación de Pontevedra trae á Guarda as lecturas “As novas voces literarias da provincia”.
Esta actividade busca poñer o foco nas escritoras e nas palabras a través das que contan o mundo con perspectiva de xénero. O martes 22 de abril desfrutaremos das lecturas de Lara Dopazo, Andrea Fernández Plata e Guada Guerra.
Lara Dopazo leva publicando desde hai máis de 15 anos, nos que acadou premios como o premio Literario Nortear. A súa última publicación “Contos gringos” (2024) componse de doce relatos que propoñen unha viaxe cara ao profundo dos Estados Unidos.
Andrea Fernández consegue en “Jarroa” (2024), a súa primeira novela, crear unha atmosfera común ao camiñar a perda, o medo ao esquecemento e o traballo do recordo.
Guada Guerra aborda na novela “Las cosas que nos pasan” (2025) a frustración millennial: a precariedade, a parella, a familia, a maternidade, o corpo ou a saúde mental.
Tras as lecturas poderemos conversar e intercambiar opinións coas autoras, reflexionando sobre os textos escollidos por elas. A sesión estará conducida pola xornalista Susana Pedreira.
O acto dará comezo na Casa dos Alonso o martes 22 de abril ás 20:00h, sendo presentado pola Deputada de Igualdade, Sandra Bastos.