Panorama ofrecerá un concerto solidario na Guarda a favor de Conrazones e San Vicente de Paúl
O Concello da Guarda levou a cabo as xestións necesarias para que a coñecida orquestra Panorama”presente na Alameda guardesa, de maneira desinteresada baixo fins solidarios, o seu espectáculo musical “Dreams tour 2017” o próximo venres 8 de decembro.
A coñecida orquestra Panorama chega á Guarda cun concerto solidario o venres 8 de decembro para facer desfrutar a todo aquel que queira asistir. O obxectivo principal é conseguir que as familias que máis o precisan da Vila e da comarca do Baixo Miño non teñan que preocuparse polos alimentos que poñerán nas súas mesas de Nadal.
É por iso que a entrada ó concerto consistirá na entrega de alimentos non perecedoiros ou de produtos típicos do Nadal (turróns, mazapáns, embutidos, etc.), nos postos habilitados polo Concello para tal fin. O total de alimentos recadado entregarase integramente ás asociacións locais sen ánimo de lucro Conrazones e San Vicente de Paúl.
Ademais, unhas horas antes do espectáculo poñeranse á venda rifas, tamén con fins solidarios polo importe de 1€, para entrar no sorteo de varios lotes de Nadal, sendo distribuído o importe total recollido entre o Departamento de Servizos Sociais do Concello e as asociacións Conrazones e San Vicente de Paúl para a compra de alimentos. O nome dos gañadores daranse a coñecer durante o propio concerto e na páxina web do Concello da Guarda.
O concerto comezará ás 22h na Alameda da Guarda. En caso de choiva, aprazarase ata que Panorama teña un novo oco na súa axenda.
O Concello da Guarda agradece profundamente á orquestra a súa desinteresada participación nesta actividade solidaria de axuda ás persoas e familias máis desfavorecidas da Guarda e a súa contorna.
Tag:A Guarda, concerto solidario, Nadal, Orquestra, Panorama