Os obradoiros “Mergullo para principiantes” leva a educación sexual á adolescencia guardesa
O CIM da Guarda pecha as actividades do ciclo “Semente de igualdade” cos obradoiros Mergullo para principiantes.
Trátase de obradoiros de Educación Sexual Integral para o alumnado de 1º da ESO de todos os centros escolares da Guarda. Levaranse a cabo durante o mes de maio e estarán dirixidos pola traballadora social e sexóloga Sabela Salgueiro.
Deste xeito, búscase unha educación sexual das novas xeracións desde o punto de vista da igualdade e sen estereotipos.
Neste mesmo senso, A Guarda organizou a comezos de abril unha charla-obradoiro de Educación sexual na familia no que se creou un espazo de reflexión no que compartir inquedanzas, dúbidas e dificultades co obxectivo de construír ferramentas educativas que contribúan positivamente no desenvolvemento dos seus fillos e fillas.
Con esta actividade péchase o ciclo “Semente de igualdade” que arrancaba en xaneiro co obradoiro “Con voz propia”, e seguía diversificando a súa acción co obradoiro “Quérome, cóidome” e coa proxección especial de “Matria” co posterior coloquio da súa protagonista María Vázquez. Ademais, hai unhas semanas, facíase a presentación do libro “Mulleres. Historias de vida e igualdade” no Centro Cultural.