A Guarda homenaxeou a vida das mulleres anónimas cun libro
O pasado xoves 24 de abril viviuse un acto especialmente emocionante no Centro Cultural da Guarda, pois as mulleres participantes dos obradoiros “Quérome, cóidome” e a súa coordinadora, Angelina Gándara, presentaron o libro “Mulleres. Historias de vida e igualdade”.
O salón de actos encheuse para descubrir parte das vidas destas mulleres anónimas, resultado da terceira edición do obradoiro onde “se apostou por facer un traballo que dese visibilidade ás participantes, ao seu saber e experiencia”, como recordaba a concelleira, Susana Álvarez.
Ademais contamos con actuacións de luxo coas mulleres participantes no obradoiro “Con voz propia” que tamén organiza o Centro de Información da Muller (CIM) da Guarda e está na súa cuarta edición.
O libro recolle historias de mulleres da Gándara e Camposancos, e precisamente Yolanda, directora o CIM da Guarda, resaltou a importancia de “descentralizar as actividades e dirixilas ás parroquias e aos barrios”, de xeito que se facilite a súa participación.
A parte da intervención de Angelina, como coordinadora, durante o acto tamén interviron catro representantes das mulleres que participaron no libro, con Mercedes e Flora da Gándara e con Nita e Aurora de Camposancos. Desde logo, un desfrute escoitalas e recoller parte da súa sabedoría e experiencia que agora quedará plasmada neste libro “Mulleres. Historias de vida e igualdade”.