Parabéns ao Atlético Guardés, digno rival do Rocasa na Supercopa de España
Dende o Concello da Guarda desexamos dar os nosos máis sinceros parabéns ás xogadoras e ó equipo técnico do Mecalia Atlético Guardés, que ofreceron un espectáculo marcado pola deportividade no seu encontro co Rocasa Gran Canaria o pasado sábado.
Máis de 3.100 persoas acudiron ó pavillón das Travesas para ser testemuñas deste histórico partido, o primeiro do Guardés nunha Supercopa de España, no que as campioas de Liga competiron en todo momento e mantiveron o apoio e ánimos dos máis de 800 afeccionados que se desprazaron dende a Sangriña, a pesar da axustada derrota final (26-28).
O Mecalia Atlético Guardés é, con todo, un orgullo para A Guarda. É por isto que dende o Concello queremos amosar o noso apoio ao equipo, que contribúe co seu bo facer a dar visibilidade ao deporte feminino e á boa imaxe do deporte galego e guardés. Igualmente, merecen os nosos parabéns as xogadoras do Rocasa, gañadoras da Supercopa.
Desexamos dedicar un agradecemento especial, tamén, ao Concello de Vigo, á Deputación de Pontevedra e á Xunta de Galicia, que atenderon as peticións do noso Concello e gracias aos cales foi posible que esta Supercopa de España de balonmán feminino se celebrara en Galicia.