Clubs deportivos, GES e Policía Local participan nun taller de reanimación cardiopulmonar
O pasado venres, 3 de novembro, o Concello da Guarda celebrou un taller básico de reanimación cardiopulmonar dirixido ás directivas, adestradores e persoal dos clubs deportivos da Guarda, así como aos membros do Grupo de Emerxencias Supramacionais (GES) e a Policía Local do Concello guardés.
Máis dunha vintena de persoas asistiron ao curso práctico celebrado no salón de actos do IES A Sangriña, entre membros do S.D. As de Copas, a Unión Deportiva A Guía Guardesa, a Escola de Fútbol Deportivo Alameda, o Gimnástico Deportivo Miño, o Bogavante F.C. Veteranos, o Club Sporting Guardés, o Club de Remo Robaleira, o Club Alagua, o Club de Tenis Codesal, a Policía Local e o GES.
No obradoiro, impartido polos especialistas Lucía Peixoto, Roberto Barcala e Antonio Rodríguez, os e as participantes aprenderon o procedemento a seguir ante unha posible parada cardiorrespiratoria, actuando de inmediato e alertando os servizos de emerxencia. Así mesmo, aprenderon a técnica para realizar unha reanimación cardiopulmonar (RCP) básica incluíndo a utilización dun desfibrilador semiautomático (DESA).
O taller foi promovido pola Concellería de Deportes do Concello da Guarda, consciente da importancia de ter coñecemento básicos de reanimación cardiopulmonar e de manexo dun desfribilador entre as persoas que están en contacto con situacións de risco, como son as prácticas deportivas e as labores de emerxencia.