Recepción oficial á deportista guardesa Elsa Pena
O luns día 8 de xullo de 2019 o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e a Concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes, recibiron na Casa do Concello á deportista Elsa Pena, que xunto co seu pai estiveron reunidos amosando todo o seu traballo deportivo e o seu extraordinario palmarés.
Nesta recepción Elsa Pena recibiu un ramo de flores e unha placa, así coma unha carta de distinción na que o alcalde lle transmite as súas felicitacións polos éxitos acadados durante este ano 2019, destacando que é un referente para a veciñanza da Guarda, non só polos seus meritorios triunfos, senón pola maneira de desfrutar facendo aquilo que lle gusta e pola súa ilusión e gañas.
Dende o Concello da Guarda se quere animar a Elsa Pena a que continúe progresando e mellorando como deportista e como persoa, para que o deporte, parte importante da súa vida, siga proporcionándolle alegrías e bos momentos.
Elsa Pena ten un palmarés moi importante, tendo disputado e participado en máis de 300 competicións dende os seus inicios, destacando neste ano 2019, entre outros moitos, os seguintes éxitos en probas deportivas:
• 1º posto no Campionato Galego de Pista cuberta 3000ml en Ourense
• 2º posto na Copa de Europa de triatlón indoor en Lievin, Francia
• 1º posto no Clasificatorio para o Campionato do Mundo Triatlón en Madrid
• 1º posto no Campionato de Europa triatlón relevos mixtos
• 1º posto no Campionato de Europa triatlón individual por autonomías