Retomados os traballos para o estudo da produción de sal na antigüidade na costa guardesa
A longo da semana pasada realizouse un estudio xeofísico no entorno das salinas romanas do Seixal. Estes traballos leváronse a cabo en colaboración co Centro de Arqueometría da Universidade Complutense. O obxectivo desta actuación foi a de comprobar a extensión das salinas do Seixal na Costa da Guarda. Durante a escavación levada a cabo en 2018 descubriuse unha ampla extensión da salina romana, pero se puido comprobar que as estruturas se estenden máis aló da área escavada. O proxecto «A Guarda, Mar de Sal» non se limita á escavación, senón que por medio das últimas tecnoloxías se quere conseguir a imaxe máis ampla e precisa posible da extensión e da morfoloxía destas salinas. Para iso se conta cun xeoradar, un sistema que permite facer lecturas no subsolo e comprobar a existencia de estruturas arqueolóxicas.
Unha vez rematado o proceso de toma de datos, agora mesmo estanse procesando os datos que, se confía, permitan comprender mellor a salina do Seixal.
Ademais dos traballos de prospección xeofísica tamén se ampliou a prospección pola costa da Guarda. O estudo sistemático da franxa costeira permitiu identificar dúas novas zonas con vestixios de salinas romanas, localizadas no entorno da Cetárea Redonda ou de Pepe Sobrino.
A longo das próximas semanas iniciaranse os traballos para a consolidación e restauración das salinas que garantirá a súa apertura definitiva ao público para o desfrute de veciños e visitantes.
O proxecto «Mar de Sal» fundaméntase na necesidade de sustentar o desenvolvemento patrimonial sobre un sólido respaldo científico. O estudo rigoroso das paisaxes do sal e a súa posta en valor permitirán crear un recurso patrimonial posto ao servizo da cidadanía.
O importe total subvencionado por parte da Consellería do Mar é de 74,496,68€, repartidos en dúas anualidades(2018 e 2019). Proxecto GALP7-066.