A Guarda intensifica a presenza policial
Na mañá do luns 18 de marzo o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, mantivo unha xuntanza no Concello co Comandante do Posto da Guarda, Eligio Rivas; o Xefe da Policía Local, Manuel Ángel González e o Concelleiro Delegado da Policía Local, Paulino Rodríguez.
O motivo da reunión era o de trasladar, por parte do Concello á Guardia Civil, a preocupación dos comerciantes, veciños e responsables municipais polos roubos que se veñen producindo nos últimos tempos na Guarda. Así mesmo, sabedores de que as forzas de seguridade comparten esta preocupación, o alcalde trasladou a necesidade de aumentar a vixiancia na vila, sobre todo en horario nocturno.
O Comandante coincidiu co alcalde na necesidade de intensificar a presenza policial e trasladoulle que dende hoxe mesmo A Guarda contará cun núcleo operativo que prestará servizo nocturno na vila.
Do mesmo xeito o alcalde púxose en contacto coa Subdelegación do Goberno e manterá este mesmo mércores unha xuntanza con Maica Larriba e representantes dos corpos de seguridade, para trasladarlle a preocupación pola seguridade cidadá na Guarda e solicitar reforzo policial.
Tag:A Guarda, Policía, seguridade