A técnica medioambiental de Cabo Verde Paula Pina formarase no Concello durante tres días
Trátase dunha acción incluída no programa “Vacacións con traballo” do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, polo que a caboverdiana intercambiará experiencias co persoal técnico local.
O Concello da Guarda recibiu esta mañá á directora de gabinete de Saneamento, Medio Ambiente e Seguridade Urbana da Cámara Municipal de Santa Cruz (Cabo Verde), Paula Pina, que pasará tres días na nosa vila co fin de coñecer o funcionamento de depuradoras, pozos de bombeo, puntos limpos e servizos de saneamento e limpeza, entre outras actividades.
A técnica municipal caboverdiana tivo a oportunidade de visitar esta mañá a Estación Depuradora de Augas Residuais (E.D.A.R) da Guarda, acompañada polo persoal técnico da planta e o concelleiro de Medio Ambiente, Paulino Rodríguez. Mañá fará un percorrido polas instalacións de abastecemento de auga e, xa o mércores, poderá visitar o punto limpo da Guarda e profundar en temas como a limpeza viaria, a recollida de lixo e os sistemas de reciclado.
Porén, non todas as actividades serán de interese puramente profesional, xa que durante as tardes Paula Pina poderá gozar de boa parte do patrimonio cultural e a tradición guardesas. Así, esta tarde Pina visitará a praza de abastos, o porto pesqueiro e coñecerá o labor realizado pola Organización de Palangreiros Guardeses (OR.PA.GU) e a Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia.
Durante a tarde de mañá poderá gozar do Monte Santa Trega e o Castelo de Santa Cruz con visitas guiadas, namentres o mércores tomará o transbordador para achegarse á localidade portuguesa de Caminha.
Vacacións con traballo
A acción enmárcase dentro do programa de cooperación técnica “Vacacións con traballo” do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, polo que Paula Pina e a topógrafa mozambiqueña Ailina de Marta percorrerán durante o mes de outubro distintas localidades galegas nas que intercambiarán experiencias co persoal técnico local.
A través deste programa de cooperación técnica búscase contribuír a reforzar as capacidades dos municipios de países empobrecidos, ao tempo que se pon en valor a multiculturalidade e se sensibiliza fronte as desigualdades Norte-Sur.