Uns 200 nenos e nenas participan no XXIV Torneo de Xadrez Concello da Guarda
Este sábado máis de 200 nenos e nenas cítanse no pavillón do CEIP As Solanas para competir no XXIV Torneo de Xadrez Concello da Guarda.
O Concello da Guarda e o club de xadrez Albatros organizan este evento que xa é un clásico nestas datas de fin de curso, onde reúne aos xogadores máis pequenos (sub-8, sub-10, sub-12 e sub-14).
A competición dará comezo este sábado 7 de xuño ás 11:00h e mostra a gran afección e interese polo xadrez na Guarda. O presidente do club de xadrez Albatros, Miguel Reboredo conta que o club ten 98 xogadores federados e que só desde o 2020 “duplicamos os nenos e nenas do club”.
O alcalde da Guarda, Roberto Carrero, asegura que “este torneo é unha demostración de que os nenos e nenas non só lles interesan os deportes máis físicos, senón que tamén aqueles que lles plantexan retos mentais e estratexias como o xadrez”.
Trinta anos do club Albatros
O club de xadrez Albatros naceu na Guarda en 1995, adoptando o nome dunha desaparecida cafetería. Aínda que nos comezos o club non era moi grande, agora roza a cifra do centenar con 98 xogadores, dos cales o 20% son nenas. O club conta cun equipo en Preferente, a segunda categoría de maior rango en Galicia tras a División de Honra e, ademais, conta con dous equipos filiais en Segunda e outra en Terceira, centrado no eido formativo.