Uns 450 nenos e nenas dos colexios da Guarda desfrutaron de visitas guiadas á exposición “Enerxía, auga e máquinas”
Alumnas e alumnos de todos os colexios de primaria da Guarda acudiron este mércores e xoves, 11 e 12 de xaneiro, a visitar a mostra “Enerxía, auga e máquinas”.
Alumnas e alumnos de todos os colexios de primaria da Guarda acudiron este mércores e xoves, 11 e 12 de xaneiro, a visitar a mostra “Enerxía, auga e máquinas”. En total foron arredor de 450 nenos e nenas os que asistiron ás visita guiadas por Carlos Javier Álvarez Fernández, autor das maquetas alí dispostas.
Nesta mostra, que estivo no Centro Cultural da Guarda do 29 de decembro ó 12 de xaneiro, puideron desfrutar dunha exposición que destaca polo seu marcado carácter didáctico e que busca amosar a importancia da auga como elemento clave na realización de moitos traballos a través de máquinas deseñadas para que se puidera aproveitar esa enerxía. Entre estas máquinas creadas para aproveitar a enerxía da auga atópase a tradicional roda hidráulica ou as norias.
A exposición contou con dez paneis explicativos e tres máquinas construídas en madeira: dúas rodas hidráulicas e unha noria que sube auga para trasladala mediante un sistema de canais. Ademais, había diferentes mecanismos de transmisión do movemento da roda aos elementos de traballo: engranaxes, levas e sistemas de poleas e correas. Todos estes elementos son os que puideron ver nestas visitas guiadas os nenos e nenas da Guarda, todo explicado de primeira man polo seu creador, que lles falou das máquinas que permitiron durante moito tempo levar a cabo diversos traballos aproveitando a forza e enerxía do elemento base da vida: a auga