VI ruta gastronómica «Tapearte»: Gozar da mellor gastronomía da Guarda pode ter premio
Os bares e restaurantes participantes amosaron hoxe as súas creacións, que poderán degustarse as fins de semana dende o 18 de maio ata o 3 de xuño.
Os «ruteiros» poderán conseguir premios directos e participar no sorteo dun smartphone Samsung Galaxy 7J.
A Casa dos Alonso acolleu esta mañá a presentación da sexta edición da ruta gastronómica «Tapearte», que se celebrará na Guarda os venres, sábados e domingos dende o 18 de maio ata o 3 de xuño. Ao acto de presentación acudiron o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba; a Concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes; e representantes dos 19 establecementos hostaleiros participantes: Alameda, Art Café, Bitadorna, Boc & Pix, Camping Santa Tecla, Celtic, El Paseo, Enxebre, Kanella’s, La Botica, La Casilla, La Pizzicata, Marbella, Novo Funil, O Cangrexal, Pool Chaos, Xantar, Xeito e Y la luna?.
Os hostaleiros e hostaleiras guardesas aproveitaron o encontro para amosar cadansúa tapa, que ofertarán a un prezo unitario de 2€ (bebida non incluída) durante tres fins de semanas consecutivas. Os e as comensais poderán degustar dende un volován recheo de marisco ata un salteado de arroz e verduras ou unha hamburguesa «patagónica» de peixe espada. Unha variedade de tapas «do máximo nivel», capaz de conformar aos padais máis exquisitos.
O rexedor local lembrou durante o encontro que a ruta nace co obxectivo de potenciar a «excelente gastronomía local» e promocionar as populares alfombras florais que se realizarán no casco antigo da vila durante a noite do 2 de xuño. Segundo engadiu Lomba, esta nova edición da ruta contará cun horario ampliado par a degustación dos pratos, que será de 12:00 a 14: 00 h e de 19:00 a 22:00 h, atendendo ás peticións dos hostaleiros.
Agasallos para os «ruteiros»
Os «ruteiros» e as «ruteiras» contarán cun pasaporte no que, ademais de atopar a información detallada sobre cada unha das tapas, poderán selar aquelas que xa teñan degustado e participar no sorteo dun smartphone Samsung Galaxy 7J. Para isto, será preciso depositar os pasaportes cun mínimo de 6 selos nas urnas que estarán dispoñibles en cada un dos establecementos participantes e na Oficina de Turismo do Concello da Guarda. Ademais, aquelas persoas que reúnan un mínimo de 10 selos, recibirán como agasallo directo un lote de viño Pazo de Seoane da Adega Lagar de Fornelos (O Rosal).
Os participantes na ruta como comensais poderán, ademais, valorar a calidade das tapas consumidas. Froito desta valoración, a organización anunciará aos gañadores do Concurso da Mellor Tapa «Tapearte 2018», con premios en dúas categorías: a tapa mellor valorada e a preparación máis consumida.
Tag:gastronomía, tapearte