‘Xuntos polo Nadal’ dá a oportunidade aos maiores a pasar o Nadal en compañía
A Consellería de Política Social e Igualdade organiza o programa “Xuntos polo Nadal” para promover o envellecemento activo e a convivencia.
O programa vai destinado ás persoas maiores que se atopen soas nestas datas tan especiais, sexa por carencia de familiares ou amigos, perda de cónxuxe ou outras circunstancias.
Para os solicitantes da provincia de Pontevedra ofértanse 140 prazas na Residencia de Tempo Libre de Panxón (Nigrán, Pontevedra), desde o día 24 de decembro ao 7 de xaneiro.
Os servizos incluídos son a estancia de 15 días e 14 noites con habitación compartida en pensión completa, con actividades de animación sociocultural, e con desprazamento en bus desde os lugares que se establezan.
As solicitudes para este programa gratuíto pódense facer a través da sede electrónica da Xunta ou nos Servizos Sociais do Concello de xeito presencial ata o día 25 de novembro. Os impresos pódense atopar nesta páxina web: https://politicasocial.xunta.gal/gl/recursos/plans-e-programas/xuntos-polo-nadal-2024
As persoas solicitantes deben cumprir os seguintes requisitos: ter 60 anos ou máis, estar empadroado nalgún concello galego, vivir no seu domicilio e ter que pasar só ou soa as datas do Nadal; e valerse por si mesmo e non padecer enfermidades con risco de contaxio ou trastornos que poidan alterar a convivencia.