Máis de 80 persoas participaron na terceira edición do Certame de Microrrelatos
Os participantes no Certame de Microrrelatos 2018 recolleron o seu agasallo o pasado venres no Centro Cultural.
O Certame de Microrrelatos 2018, organizado pola Concellería de Cultura do Concello da Guarda con motivo do Día Internacional do Libro, culminou a pasada semana coa entrega de premios. Un total de 84 persoas participaron nesta terceira edición do particular concurso, no que todos e todas as participantes recibiron un agasallo.
A concelleira de Cultura, María Elena Baz, presidiu o acto de recepción dos participantes e a entrega de premios, que se celebrou o pasado venres no Centro Cultural. Alí, congregáronse preto de medio centenar de participantes -principalmente, alumnas e alumnos dos centros de ensino primario da Guarda-, que recibiron da edil un diploma no que se recoñece a súa participación no certame, dous libros e un bolígrafo como recompensa polo seu traballo en prol da cultura.
Todos os microrrelatos poderán contemplarse no Centro Cultural ata o 14 de maio no horario de apertura habitual do Centro Cultural, isto é, de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00 horas de luns a venres, e de 10:00 a 13:00 horas os sábados.