A Color Rain Festival convértese nun éxito para participantes de todas as idades
O sábado A Guarda tinguiuse de cores por unha boa causa: a solidariedade. Ninguén quixo perderse este evento; por alí pasaron nenas, nenos, rapazada, grupos de amigos e amigas, familias completas e gran parte do equipo de goberno da Guarda.
A tarde arrancou cunha actuación dedicada aos máis pequenos, a obra de monicreques “De Vilatriste a Vilalegre” do Centro Dramático Galego. A obra sacou risas desde os máis pequenos aos máis maiores.
A continuación, Alejandra, do centro Lioness Training, encargouse do quecemento do grupo cunha clase de zumba que moveu a todos os participantes. Foi aquí cando xa se empezou a tinguir de cor a liña de saída con ata dous cañonazos de cor.
A diversión chegou ata a liña de meta e estendeuse durante moito tempo despois, grazas á música e a entrega de premios como o grupo máis divertido, o máis numerosos e tamén aos primeiros clasificados e clasificadas.
Mais o importante era a participación nunha carreira solidaria que tiña como obxectivo axudar ao proxecto Fogares Sanxe, que pretende crear 30 vivendas destinadas á emancipación de 60 persoas con diversidade intelectual no antigo colexio das Carmelitas.