A Deputación expresa o seu apoio ao proxecto da variante do acceso sur do Porto da Guarda
O alcalde Antonio Lomba recordou que é a mellor alternativa de trazado e pedirá a implicación de todas as administracións nun encontro a tres bandas coa Xunta
A Deputación disposta a participar na xuntanza que propón o Concello e a avaliar a opción de coparticipar na financiación aínda que sexa unha competencia allea
A Deputación de Pontevedra expresou hoxe o seu apoio ao Concello da Guarda no proxecto da variante do acceso sur do Porto como o mellor trazado posible para unha obra clave no desenvolvemento da vila do Baixo Miño. Nunha reunión celebrada na institución provincial, á que asistiu a presidenta Carmela Silva, o alcalde Antonio Lomba explicou que esta alternativa de trazado é a mellor valorada desde todos os puntos de vista, a que escolleu desde un principio o persoal técnico da Deputación e do Concello, e tendo en conta factores tan importantes como a afección ao medio humano ou o impacto medioambiental xa que non afectaría ás vivendas, nin ao litoral o que permitirá manter como principal o uso peonil e ciclista da senda litoral, reducindo o tráfico de vehículos.
O alcalde trasladou á Deputación a necesidade da implicación da Xunta de Galicia no desenvolvemento deste trazado polo que adiantou que convidará ás tres administracións a unha xuntanza para poder avanzar. A presidenta Carmela Silva xa mostrou a disposición da institución para participar na reunión tripartita e, incluso, “aínda que non son competencias provinciais, poderíamos avaliar a opción de coparticipar na financiación ao tratarse dun proxecto clave para o municipio, que cumpre todos os parámetros do noso modelo de recuperación de espazo público e mobilidade amable e sustentable. “Amais, recordou, a eliminación do tráfico do centro permitiría por fin, e como sempre foi a nosa intención, que a rúa Concepción Arenal que xa humanizamos poida ter un uso preferentemente peonil”.
O proxecto do acceso sur foi redactado pola Deputación a solicitude do Concello no ano 2018, e actualmente se sigue traballando con Patrimonio desde un punto de vista técnico para adaptalo ás súas suxestións e poder continuar co procedemento, xa que dispón do resto dos informes sectoriais. O alcalde guardés lembrou que a obra é prioritaria cara á necesaria reactivación do Porto, eliminar o tránsito de vehículos nas rúas do centro e conseguir un bo acceso á principal zona turística e de restauración da Guarda.