A Guarda acolle dende este xoves unha Exposición sobre a «Historia comercial e industrial guardesa»
O próximo xoves día 1 de agosto ás 20:30h, na Casa dos Alonsos; a Asociación ACIGU – A GUARDA Centro Comercial Aberto procederá á inauguración da Exposición «HISTORIA COMERCIAL E INDUSTRIAL GUARDESA»: Dende Mediados do Século XX ata a actualidade.
Con esta mostra tentase realizar unha viaxe polos últimos 70 anos da vida comercial e industrial guardesa, a través da súa publicidade. Pretendese que exista un feedback entre o visitante e a exposición.
Para os maiores queremos, mediante estes anuncios, que realicen unha viaxe ao pasado dos seus recordos; ás tendas da súa xuventude e a evolución destas empresas da nosa vila.
Para os máis xoves é unha oportunidade de ver que tipo de produtos e modas había tempos atrás; así como as ferramentas que se empregaban e que arestora están fora de uso ou substituídas por novas tecnoloxías. Naqueles tempos existían números de teléfono con 2 e 3 díxitos, se empregaban direccións telegráficas, telex, así como o xeito de promocionarse, antigamente se realizaba en impresión, na actualidade a través das redes sociais. Tamén poderá verse a denominación das rúas noutros tempos e a relación existente xa naquela época con outras áreas, como pode ser Vigo ou o norte de Portugal.
Nesta mostra non se pretende valorar a presenza das marcas ou empresas; senón a evolución que tivo a nosa localidade co seu tecido comercial e industrial; así como a gran cantidade e a calidade de grandes emprendedores locais.
Tag:A Guarda, Comercio, Exposición, industria