A Guarda avanza na redacción do Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostibles
O pasado luns día 20 de outubro a empresa encargada de elaborar o Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostibles (PACES) fixo a presentación deste proxecto, no que participarán os grupos políticos municipais, persoal municipal, así coma os propios cidadáns guardeses a través de diversas enquisas que se realizarán próximamente.
O equipo de goberno fará partícipes aos demais grupos políticos da corporación da redacción do plan para que fagan as súas aportación e mostren o seu punto de vista. Non pode ser doutra maneira dado que o documento é para desenvolver políticas municipais ata 2030, ano límite para ter logrado unha redución dun 40% de aforro nas emisións de CO2.
O equipo de goberno escoitou as liñas que propoñía a empresa como liñas de traballo e trasladoulle a esta as que para el son liñas estratéxicas, ben porque na actualidade estea xa traballando nelas ou por que as considera fundamentais nas políticas municipais dunha administración que aspira a ser unha referencia na modernización.
Destas liñas estratéxicas para o equipo de goberno algunhas son: O aforro en consumo de enerxía eléctrica, xa estamos traballando neste ámbito dende fai tempo, na actualidade estamos coa licitación do cambio da iluminación pública por luminarias led e temos tamén proxectos enriba da mesa que se basean no aproveitamento da enerxía solar.
Temos tamén como meta cara ao 2030 actuar sobre a flota de vehículos municipais co obxectivo de ter todos os vehículos eléctricos.
Temos obxectivos ambiciosos na redución de residuos orgánicos e mellora na separación e reciclaxe de lixo e tamén consideramos como liña estratéxica a xestión da auga. Temos que acadar unha optimización dos recursos hídricos que consigan afrontar períodos de seca con subministro propio, de forma independente ao subministro de Tui.
Por último, o equipo de goberno considera como liña estratéxica mellorar a eficiencia enerxética das edificacións, neste caso hai unha pequena parte que corresponde a entidade local, coas dependencias municipais pero, hai outra parte que, corresponde ás vivendas privadas onde conseguir os obxectivos vai a depender de toda a cidadanía, pero que tamén neste ámbito, hai que traballar con campañas de concienciación e incluso coa adaptación de tributacións, se elo fora posible.
Tag:A Guarda, clima, Enerxía, Medio ambiente, PACES, sostenibilidade