A Guarda avanza no seu Plan de Compostaxe Municipal
O Plan de Compostaxe do Concello da Guarda da esta semana un paso máis co inicio da colaboración entre a mestra composteira e a Asociación San Xerome Emiliani.
Esta colaboración arranca, na semana da compostaxe, cunha actividade de separación de residuos que tivo lugar o martes día 4 de maio na finca das Mercedes (A Gándara), co obxectivo de despexar as posibles dúbidas de separación para a reciclaxe que o persoal do centro poida ter.
A seguinte actividade irá enfocada á compostaxe e consistirá na formación inicial na materia impartida pola técnica municipal e no acopio de material vexetal procedente do mantemento dos parques e xardíns. O persoal do centro de xardinería será o encargado de facer o acopio de material para formar con el pilas de compostaxe.
Unha vez creadas as pilas realizarase un seguimento das mesmas para controlar os parámetros do proceso. Un control e manexo adecuado das pilas permitirá a obtención dun compost de calidade, que o persoal de xardinería poderá empregar nas zonas verdes que xestiona. De este xeito conseguimos xestionar os residuos verdes para obter un abono que poderá ser empregado para a mellora das zonas verdes.