A Guarda contará cunha senda que rodeará o monte Santa Trega
Na mañá de onte, recibimos a visita da conselleira de Vivenda de Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o director territorial de infraestruturas, José Manuel González González. Ambos anunciaron con membros do Concello da Guarda a nova senda que rodeará o monte Santa Trega.
A Xunta investirá 1,6M€ na senda peonil que seguirá o trazado da estrada autonómica PO-352 nun treito de 3km. Coa senda, conectarase A Guarda con Camposancos e a zona de praias, así como a zona deportiva da Sangriña.
O itinerario permitirá, deste xeito, garantir a seguridade dos peóns, paseantes e deportistas, e dos ciclistas; en definitiva, dos usuarios habituais deste camiño, animando tamén a novos peóns e ciclistas a facer uso desta ruta.
Esta intervención enmárcase no Plan de Sendas da Xunta de Galicia, dentro da Estratexia de Mobilidade e co cofinanciamento dos fondos FEDER 2021/2027.