A Guarda fai un chamamento á concienciación sobre a limpeza pública e a recollida do lixo
O Concello da Guarda ven de facer un chamamento á cidadanía guardesa para a súa implicación na limpeza dos espazos públicos e a recollida de lixo, en aras de mellorar a imaxe para ter A Guarda máis limpa.
Dende o Concello da Guarda recordase que non se pode depositar lixo, caixas ou envases fora dos contedores, que os restos de explotacións agrícolas, residuos vexetais de limpeza de fincas e xardíns, residuos voluminosos, entullos ou cascallos, deben levarse ao punto limpo.
Así mesmo, o lixo que se deposita nos contedores verde(orgánico) e amarelo(envases plásticos), debe depositarse en bolsas de plástico debidamente pechadas, para evitar malos cheiros e manter estes elementos nas mellores condicións.
A Guarda é un dos concellos de Galicia cunha maior taxa de reciclaxe. O cumprimento do Regulamento de Limpeza Pública e de Recollida de Lixo é tarefa de todos, establecéndose un horario específico para o depósito do lixo: para residuos orgánicos do contedor verdeo horario é de 21:00h a 23:00h(de abril a setembro) e de 19:00h a 23:00h (de outubro a marzo) e para os residuos de vidro o depósito dos mesmos realizarase en horario de 8:00h a 22:00h.
O Punto Limpo da Guarda situase ao carón das instalacións da Piscina Municipal na zona da Sangriña e os veciños e usuarios o poden empregar de Luns a Venres en horario de 9:00h a 13:00h e os sábados en horario de 10:00h a 12:00h.
De igual xeito se pide a colaboración cidadá para informar cando algo está mal, chamando a Policía Local nos teléfonos 986 610 025 e 606 452 655.
O incumprimento do Regulamento de Limpeza Pública e de Recollida de Lixo pode constituír unha infracción administrativa, que conleva a un expediente sancionador, con sancións moi graves, graves e leves, segundo corresponda.