A Guarda recibe case 29.000 € para a mellora do Punto Limpo
A Deputación de Pontevedra investirá 28.604,08 euros na adaptación do punto limpo de A Guarda, co obxectivo de acondicionalo de cara á recollida e xestión dos Residuos Eléctricos e Electrónicos (RAEE). Unha iniciativa que permitirá o cumprimento da normativa europea e española para o tratamento do “lixo tecnolóxico”.
A Xunta de Goberno Provincial tomou hoxe coñecemento do inicio dos expedientes. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que agarda que, unha vez rematados os trámites de contratación das obras e as subministracións necesarias, o punto limpo estea plenamente operativo no primeiro trimestre de 2019.
Culminará deste xeito un proceso que comezou coa captación dos fondos europeos FEDER a través da primeira convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza POCTEP 2014-2020. Naceu así o proxecto Estraee (Estratexia Sostible para a Xestión de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) do que se están a beneficiar 9 puntos limpos doutros tantos concellos da provincia de Pontevedra, xunto con outros 9 situados en territorio portugués.
O orzamento total de licitación dos contratos de subministración e obras para a adaptación dos 9 puntos limpos da provincia incluídos é de 618.074,23 euros, que se reparten entre os 238.275 euros para as subministracións e outros 379.799,23 euros para as obras de reforma. A Deputación achega directamente 154.518,56 euros, o 25% do orzamento global.
No caso concreto de A Guarda é necesario subministrar sistemas de vixilancia, de control de accesos ao almacén, de control de accesos de vehículos, gaiolas e estanterías, transpaletas (máquinas para o movemento de palés) e, finalmente, subministración de equipos informáticos.
No que atinxe ás obras neste “ecocentro”, construirase no nivel superior un edificio para a reutilización dos residuos, instalarase iluminación no almacén e proveerase de sistema de protección contra incendios e paneis indicativos. A empresa que resulte adxudicataria das obras disporá dun prazo de 2 meses.
O Concelleiro delegado do Punto Limpo, Miguel Español, destacou a importancia desta inversión para continuar coa estratexia de reciclaxe e disminuir o impacto dos residuos sobre o medio ambiente, recordando que o Punto limpo da Guarda presta servizo os luns, martes, xoves e venres en horario de 8:00h a 14:00h, os mércores en horario de 8:00h a 18:00h e os sábados en horario de 8:30h a 13:30h.
A Deputación de Pontevedra conseguiu os fondos FEDER e asumiu o liderado do proxecto Estraee, xunto con outros tres socios españois (Revertia, ERP España e Energy Lab) e dous portugueses (ERP Portugal e Liport).
Os RAEE, cuxo volume crece a un ritmo de entre un 18% e un 26% anual, supoñen xa 50 millóns de toneladas anuais no mundo, das que preto dun millón se producen en España. Trátase de residuos altamente contaminantes, dado que inclúen elementos que causan graves prexuízos ao medio ambiente.
Tag:A Guarda, Punto limpo, Reciclaxe